![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjFmrAvPSKKINvOEKS2ZYetFZWCv7Nz9Hax6fVLvbgYgST71MMPPDHmiTdnQVmdb0XcCwMepT9m4MvQH6HRo1bAm_qEiU533Qt1a60aVjR9LBlKLccTXs3sztiLLzdPlc7qnzGygaR62ks/s1600/Galicia.OrtegalCliffs.jpg)
Como deter, decide, esta delicia
do serán sobre a terra? ¿E este vento
que refolea os salgueiros, contra o río,
no lusco e fusco, onde se desfollan
entre as roseiras bravas?
¡E sentir o dulzor da dor tan leve
do corazón de cada rosa, cando
se enche a roseira dun silencio vivo,
ó esbarruxirse as follas, unha a unha,
caladamente, ás beiras da noitiña!
¿E aquel sono de son aqueloutrado,
de música tan lonxe que non oímos
e sabemos que encheo de estrelas vivas
corazóns que non son xa deste mundo?
¡E o trasacordo aquel e aquel abato
tan sutil que sentira o noso peito!
¡E aquel verso senlleiro que non puido
entrar nunca no gozo do poema!
No hay comentarios:
Publicar un comentario